jueves, 24 de abril de 2025

As propostas de resolución do GPP en relación coa Rede Ferroviaria, a AP-9 e as Estradas

De acordo coas previsións establecidas pola Mesa do Parlamento para o “Debate anual sobre política xeral: Comparecencia do Sr. presidente da Xunta de Galicia, para informar e debater respecto da situación política da Comunidade Autónoma de Galicia, estas son as propostas de resolución rexistradas hoxe polo GPP en relación coa Rede Ferroviaria, a autoestrada AP-9 e as Estradas.


Proposta de resolución nº 3 REDE FERROVIARIA 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España co fin de demandar a posta en marcha das medidas e actuacións necesarias para a mellora da rede ferroviaria en Galicia e da súa conexión co exterior, con reclamacións como a designación dun interlocutor directo entre o goberno autonómico e Renfe; esixir que se solucionen as incidencias, retrasos e incidentes técnicos que se suceden nos servizos do eixo atlántico e na media e longa distancia; que se recuperen as frecuencias suprimidas durante a pandemia e aínda non recuperadas e tamén que se solucionen as deficiencias na programación e os tempos de venda de billetes na web que impiden aos galegos planificar as súas viaxes con antelación. 

Asemade, demandarase que se impulse e complete as infraestruturas pendentes e necesarias para o AVE entre Vigo e Porto, e a conexión de alta velocidade coas cidades de Lugo e de Ferrol, así como que se reclame a redacción dun verdadeiro, rigoroso e completo Plan director para a adecuación e mellora do Corredor Atlántico que conte coa colaboración activa das CCAA polas que discorre esta infraestrutura, cunha planificación real e detallada."


Proposta de resolución nº 25 AP-9 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar ao Goberno de España o rescate da concesión da AP-9, tendo en conta que o seu custo sería equiparable ao das subvencións a futuro das peaxes, así como a transferencia da súa xestión completa. 

Solicitarase, asemade, transparencia e diálogo coa Comunidade Autónoma en relación cos diferentes aspectos da xestión da AP-9: asunción inmediata do pago completo por parte do Estado da peaxe en sombra en Rande e A Barcala, e información ao respecto do procedemento que se segue nas institucións da Unión Europea acerca das prórrogas da concesións."



Proposta de resolución nº 26 ESTRADAS 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir facilitando a mobilidade por estrada na comunidade autónoma, mantendo a liña de traballo que vén desenvolvendo nos últimos anos de estender a rede viaria de alta capacidade, limitar a contía das peaxes, ofrecer descontos das tarifas nas autoestradas autonómicas e levar a cabo un constante mantemento da súa rede viaria. 

Asemade, reclamará ao Goberno de España unha planificación das actuacións necesarias para cumprir os seus compromisos en materia viaria, coa construción das autovías estatais pendentes (A-74 Autovía da Mariña, A-56 Lugo – Ourense, A-76 Ponferrada – Ourense), actuacións en contornas urbanas (como o Vial 18, a Cuarta Rolda de Coruña, a Variante Norte de Ourense), o diálogo con concellos e veciños para obter solucións de consenso en trazados como a circunvalación de Pontevedra (A-57) ou a prolongación da A-52 en Vigo e Mos, o impulso de variantes esquecidas (como a da Estrada ou a de Ponteareas) e a mellora da seguridade viaria no conxunto na súa rede viaria en Galicia, con casos que preocupan como a N-120 tanto en Ourense como en Pontevedra, ou a N-541 que motivou o denominado Pacto de Pedre.